terça-feira, 27 de outubro de 2009

Podemos tomarlle outra aquí ao lado...

quarta-feira, 14 de outubro de 2009

Néboas



Afogado polo cansazo, provocado quizais por un outono que non chega na diáspora, comezo unha novela do xénero policial. O relato nace envolvido en néboa e semella que un pouco de acougo se me pousa no ánimo.

A cita que abre o libro, atribuída a Tocqueville, resulta tristemente actual na fedorenta era Gürtel.
Non é a inmoralidade dos grandes homes o que nos debe infundir temor, senón máis ben o feito de que sexa esta a que, tan a miúdo, permita aos homes alcanzar a grandeza”.

quarta-feira, 7 de outubro de 2009

Unha folla sureña


Xa tocaba. O de “tedes que coñecer Granada” xa se convertera nun retrouso que nos inquietaba. E chegou a oportunidade. Pareceume unha cidade realmente fermosa. A opinión da Bolecha coido que foi mellorando co paso das horas e os días. A Alhambra unha alfaia que resulta difícil de crer que estivera esquecida e abandonada tanto tempo -os galegos podemos falar. Un lugar único.

Esta mañá ó abrir o caderno atopei, gardada e esquecida, a folla dunha árbore leguminosa que me chamou a atención mentres facíamos unha parada á súa sombra para descansar e gozar da contemplación dos exteriores do monumento. Tras consultar o catálogo, resultou que a elixida naqueles paradisíacos xardíns, era un Cercis siliquastrum chamado tamén “árbore do amor”, non se sabe moi ben se polas súas flores rosas ausentes no outono no que nos atopamos ou polas súas follas que lembran, dalgún xeito,pola súa forma a corazóns. A súa madeira non é especialmente apreciable porque se bota a perder con facilidade e é flexible de máis, feito que se pode apreciar na facilidades coa que se dobran as súas pólas. Tamén se coñece como “Árbore de Xudas” porque, segundo a lenda, o Iscariote tentou aforcarse primeiro nun exemplar desta especie con escaso éxito.

quarta-feira, 30 de setembro de 2009

Achádegos

"Nunca se debe confiar nas biografías. Demasiados acontecementos na vida dun home son invisíbeis".

"Cal é o verdadeiro valor do coñecemento? Fai que a nosa ignorancia sexa máis precisa."

Tiradas de Pezas en Fuga, de Anne Michaels.

terça-feira, 29 de setembro de 2009

Falemos.

Magnífica anotación de Folerpa. É certo. Agora, máis que nunca, non podemos baixar os brazos. É a hora de FALAR. De responder falando alto e claro.

Istambul.


Istambul prestounos. Son moitas as impresións e imaxes gardadas en un puñado de días nos que non só nos limitamos ás obrigadas Santa Sofía, Mezquita Azul ou cruceiro polo Bósforo. Tamén, como é costume en nós, camiñamos e perdémonos pola cidade á busca das outras cidades invisíbeis. Trouxemos connosco anaquiños da Ponte de Gálata, do barrio de Fener, Eyup, Uskudar, entre regateos de bazar, olores a especias, bocadillos de peixe, cemiterios, fume de pipa e mar.

Unha cidade de fontes castradas,

onde os mortos miran a posta de sol trala cidade.

Homes que turran de fardeis sobre rodas.

Un corno dourado e unha gorxa estratéxica.

A circulación feita caos entre incontábeis minaretes.

Bazares de “gallegos de lluvia y calma”, “Nunca Máis”.

Un omnipresente ollo azul contra o mal de ollo.

Té de reineta.

Zume de granada por catro liras.

Media lúa de mel.

Vellas casas de madeira inclinadas polo cansazo.

Nenos xogando con metralletas no medio da rúa.

Centos de barcos aboiando no mar de Mármara.

Sacros gatos impasíbeis.

Espigas de millo quente e kebap.

A cidade tremendo pola chamada de Alá.

Incesantes buguinas portuarias.

O arrecendo do balik ekmek.

Comiño e cardamomo.

Oriente suxerido baixo o imperio de occidente.

Os contrastes da decadencia.

domingo, 23 de agosto de 2009

John Berger. Literatura verdadeira


Despois de varias idas e voltas polos corredores da libraría, non era quen de decidir. As últimas lecturas foran decepcionantes, Afogamos entre novidades e as lapelas e as recensións dos suplementos culturais aportan moito máis que a lectura dos libros mesmos. O cansazo e o bochorno mediterráneo turran de min para marchar de baleiro. Finalmente, como xa fixera antes en situacións similares, boto man dun autor xa coñecido do que sei que algo hei de tirar. E vaia acerto!

John Berger. Xa lera Porca Terra, King e Unha vez en Europa. Desta vez o volume que escollín do andel foi Cara a voda, totalmente descoñecida para min ata ese momento e que dende hoxe pasará a ocupar un lugar preferente nas miñas baldas de elixidos. Unha lectura fascinante, inzada de vida, memoria e poesía. Persoas con e sen esperanza. Páxinas abertas verquendo o alento das palabras e paixón por vivir.

Sen dúbida, Berger ten o gran don da mirada. A que nos lembra que a ferralla non é lixo. LITERATURA VERDADEIRA.

terça-feira, 18 de agosto de 2009

Desasosego



Desasosegar: des + sosegar, do latín sessicāre, der. del lat. sessus, part. pas. de sedēre, “estar sentado”.


Coido que preciso sentar.

quarta-feira, 29 de julho de 2009

Memoria histórica. Nomes e Voces

Por moito que se esforcen, por moito que traten de botar terra e esquecemento por enriba dos seus crimes, non van a poder. Non debemos deixar que o consigan. Polos que mataron. Polos que ficaron rodeados de ausencia. Polos que tiveron que vivir eses anos de fame coa mirada baixa e con medo. Por toda a luz que roubaron.

Por iso temos que felicitarnos con iniciativas como a do Proxecto “Nomes e voces”. Unha gran base de datos que se pode consultar na rede. Non podo evitar emocionarme cando a recuperación simbólica desas vidas.

Parabéns a todos os que levaron adiante este magnífico proxecto.


Fico pampo cos eufemismos da aldraxe; a mentira da precisión: causa da morte: “Hemorraxia da aorta abdominal”.



domingo, 12 de julho de 2009

A semente do diaño.

Dúas historias ben distintas para un fin de semana. A primeira, unha recomendación cinematográfica. "A semente do Diaño", de Polanski. Ten para min varias virtudes: o ambiente creado, a casa como un personaxe,o terror sen terror e, por enriba de todo, a ambigüidade . Ó rematar bótolle unha ollada ó libreto e descubro que o verdadeiro terror está fóra do filme, as consecuencias que tivo a película para o seu director e, con sorpresa, entérome de que o edificio Dakota de N. York, no que se desenvolve principalmente a acción, é tamén célebre porque alí foi asasinado John Lennon. Demasiada maldición antes de deitarse.

A outra historia historia é bastante menos macabra e este fin de semana estame a deixar un bo gusto: "O camarada", de Cesare Pavese. Aínda vou pola metade, pero levaba encadeadas varias lecturas que non me acababan de dicir demasiado - seguramente pola miña falta de luces ou de boa disposición máis que pola pouca pericia dos autores. Esta novela de Pavese, malia a desconcertarme por momentos, tira estrañamente de min.